Ola Diminutos, esta semana estivemos traballando a poesía, e coma desexabamos que fose unha experiencia práctica que animase á lectura, facilitase a comprensión destes textos e o seu recoñecemento entre outros, así coma a súa composición, decidimos comezar diferentes iniciativas.
Deste xeito creamos o rincón "Poetas en Rus" onde iremos colocando as obras poéticas que se vaian creando durante este curso. Tamén se renovou a exposición de libros da biblioteca de aula que durante este mes adicarase aos libros de poesía, onde se combinan obras de Antonio Rubio, Gloria Fuertes, Manuel María, entre outros, recomendando tamén a lectura de "Una sed de ilusiones infinita" de Rubén Darío, "Dos que se quieren" de Jurg Schubiger e Wolf Erlbruch e "Emociones y sentimientos" de Roberto Piumini e Laura Cantone.
Pero tiñamos que ir máis alá, tiñamos que manipular e xogar coas palabras para ordenalas ou desordenalas e poder conseguir escribir os nosos propios poemas, deste xeito acadaríamos unha aprendizaxe significativa. Así tiramos proveito dunha actividade de escritura creativa que nos propón Ana Galindo (@AnaGalindo_) no blogue de Palabras Azules e que se chama "Acabamos poemas". Comezamos o desenvolvemento desta actividade lendo diferentes poemas de distintos autores e temáticas, logo escoitamos aos propios poetas recitando obras propias ou alleas recollidas nesta web, e que nos serviron para recoñecer a importacia do recitado nas obras poéticas. A continuación comezamos a actividade de "Acabamos poemas" e lles entregamos oito palabras que serían o final de cada un dos versos e que se dividen en dúas estrofas:
____________marea
____________corazón
____________colorea
____________razón.
____________memoria
____________viento
____________noria
____________sentimiento.
Os nosos Diminutos organizáronse por parellas nas que deberían colaborar para crear o seu poema, así primeiro decidiron o tema sobre o que ía tratar, logo fixeron unha tormenta de ideas nas que ían aportando palabras relacionadas con el, para seguidamente formar frases vinculadas ao tema, demostrando o que sabían del.
Xa tiñan un punto de partida, unha serie de adxectivos, sustantivos e frases coas que traballar para formar frases curtas que rematasen nas palabras indicadas; foi o momento de organizar as ideas e darlle forma ao escrito con anterioridade, así naceu o primeiro borrador, que logo de revisarse en canto a coherencia, aspectos formais concordancia, entre outros aspectos, deu lugar ao poema definitivo, neste momento escribiuse de novo agregándolle o título e decorouse cun debuxo, para finalmente recitalo ante os compañeiros/as e algunhas mestras que quixeron colabrorar tamén na proposta, agradecer neste punto a Cristina e Susana a súa implicación na actividade mostrándonos os seus poemas.
Con esta actividade ademais de traballar o coñecemento da poesía, tamén abordamos a escritura creativa, o diálogo, a lectura, o traballo cooperativo, a utilización do dicionario, a expresión oral, gramática e ortografía.
E vos preguntaredes como saíu? cales foron os resultados?, pois temos que dicir que pese a que estas palabras poderían levar a pensar que ían dar lugar a textos similares a verdade é que a temática foi moi variada e as creacións bastante boas, proximamente en posteriores entradas iremos publicando os poemas de Rus.
Felicitar a todos/as os Diminutos polo esforzo e imaxinación demostrados nas vosas creacións. Tamén vos animamos a que nos realicedes as vosas aportacións e, se queredes, nos comentarios podedes ensinarnos os vosos propios poemas.
Deixámosvos un pase de fotografías desta actividade. Ata outra Diminutos!
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Un blog aliméntase dos teus comentarios, grazas por colaborar con nós.